As crises baixomedievais e as revoltas irmandiñas en Galicia

Altres llengües estrangeres3,62 KB

As crises baixomedievais (séculos XIV e XV)

A Baixa Idade Media (séculos XIV e XV) estivo marcada por unha crise demográfica de tipo catastrófico, na que se produciu unha forte mortandade ocasionada polas malas colleitas e acentuada pola Peste Negra. Moitas áreas quedaron despoboadas. O descontento dos campesiños polo aumento dos prezos e o endurecemento das cargas señoriais abusivas provocou numerosos levantamentos contra a nobreza. É destacable en Cataluña o conflito da remensa. Nas cidades, os xudeus foron acusados da situación de crise, e parte da Igrexa exerceu presión para que se convertesen ao cristianismo. A situación estalou en 1391 con asaltos ás xudarías. Por último, cómpre sinalar as guerras civís, tanto no reino de Castela como no de Aragón, entre os intereses da nobreza por manter os seus primitivos privilexios e a monarquía, que pretendía reforzar o seu poder: en Castela, entre Pedro I o Cruel e Henrique de Trastámara; en Aragón, a guerra civil que enfrontou os privilexiados co rei Xoán II.

Antecedentes: as revoltas urbanas

O termo irmandiñas procede de irmandades, asociacións de xente das cidades características do final da Idade Media. Estas asociacións defendían os intereses comúns dos cidadáns fronte aos abusos dos señores e aseguraban o exercicio da xustiza baixo o amparo da monarquía. Nas cidades galegas, a súa actuación dirixiuse principalmente contra os bispos, cuxos privilexios dificultaban o desenvolvemento do comercio e da artesanía.

As guerras irmandiñas

Máis tarde, as irmandades estendéronse ao campo, onde os nobres —cunhas rendas que diminuíran por mor da crise demográfica e económica— cometían toda clase de delitos, atropelos e saqueos sobre os campesiños. Distinguimos dous momentos:

Primeira Guerra Irmandiña (1431)

O conflito afectou, principalmente, aos dominios dos Andrade, propietarios das terras das Mariñas, que trataban os seus vasalos con extrema dureza. Os irmandiños foron dirixidos por Roi Xordo e asaltaron e destruíron diversas fortalezas e castelos. As forzas dos Andrade derrotaron aos irmandiños e o seu líder foi condenado a morte.

Segunda Guerra Irmandiña (1467-1469)

Tivo un carácter de verdadeira guerra civil, xa que se estendeu por toda Galicia. Cansos dos abusos nobiliarios e dos seus enfrontamentos bélicos, gran parte da poboación galega uniuse nunha Grande Irmandade contra a nobreza dos cabaleiros e o arcebispo de Santiago. Participaron uns 80.000 homes.

Os seus principais dirixentes foron Pedro Osorio, Alonso de Lanzós e Diego de Lemos. Os irmandiños levantáronse contra os símbolos visibles do poder nobiliario, chegando a destruír máis de 130 fortalezas.

Nos primeiros anos, os irmandiños dominaron a situación e impuxeron as súas demandas:

  • Eliminación dos abusos nobiliarios.
  • Defensa das liberdades urbanas.
  • Revisión das taxas e impostos.
  • Devolución das terras usurpadas.
  • Reforzo da xustiza do rei.

Porén, os nobres que fuxiran cara a Castela e Portugal reorganizáronse e, xunto co arcebispo Fonseca e o mariscal Pardo de Cela, derrotaron aos irmandiños. Os seus líderes foron presos, algún desertou e moitos campesiños foron castigados a reconstruír as fortalezas que derribaran. Á derrota dos irmandiños contribuíu decisivamente a superioridade militar do exército nobiliario.

Descarregar

PDF Word HTML