As grandes reformas do Goberno de Manuel Azaña (1931-1933)

Francès9,14 KB

O goberno de Azaña e as grandes reformas da República

Unha vez aprobada a Constitución, foi elixido presidente da República Niceto Alcalá-Zamora, e presidente do Goberno Manuel Azaña. Este primeiro período republicano caracterizouse pola súa actividade reformista a través de leis innovadoras, que pretendían democratizar a vida política española, modernizar as súas estruturas e mellorar as condicións de vida das clases máis desfavorecidas.

Non obstante, estas leis tiveron a oposición frontal dos grupos tradicionalmente poderosos.

A cuestión relixiosa

No momento de proclamarse a República, a maioría da xerarquía eclesiástica era moi conservadora e non estaba disposta a perder o dominio ideolóxico, cultural e social que tiña desde había séculos. Fronte a ela existía unha forte corrente anticlerical, con elementos incontrolados (moitos deles anarquistas) que queimaron igrexas ou colexios relixiosos, especialmente en Madrid e Andalucía en maio de 1931. O Goberno defendía o establecemento dun Estado laico (non relixioso), pero foi incapaz de frear a violencia anticlerical.

O enfrontamento Igrexa-Estado acentuouse despois de aprobar a Constitución. A política do Goberno de separar Estado e Igrexa levouno a extinguir o orzamento de culto e clero (polo que os curas recibían un salario do Estado); estableceu tamén o Goberno a liberdade de cultos, o divorcio e a imposición de diversas limitacións á Igrexa. A orde xesuíta foi disolta por mandato da Constitución, pois facía voto de obediencia ao Papa e non á autoridade do Estado. Esixiuse á Igrexa a autorización da autoridade para facer manifestacións relixiosas públicas fóra dos templos, como procesións, comitivas nos enterros, etc.; impúxoselle ás ordes relixiosas a prohibición de dedicarse ao ensino, etc. A intolerancia de todos fixo que a cuestión relixiosa se convertese nun dos motivos claves do enfrontamento entre españois en 1936.

A reforma do exército

En 1931, o exército español presentaba grandes deficiencias na estrutura (exceso de oficiais, distribución de unidades anticuada) e equipamento escaso e obsoleto. Foi Manuel Azaña quen emprendeu a reforma do exército en profundidade con tres obxectivos básicos: eliminar o poder político dos militares; reducir o número de oficiais, corpos e unidades; e aumentar a súa eficacia.

A denominada Lei Azaña estableceu que os mandos militares xurasen fidelidade á República; suprimiu a Lei de Xurisdicións de 1906 (pola que as ofensas á Patria ou ao exército xulgábanse pola xurisdición militar, máis dura que a civil); concedeu o retiro voluntario ou o pase á reserva aos oficiais que non quixesen servir á República co soldo íntegro; reorganizou as unidades do exército; e suprimiu a Academia Militar de Zaragoza (que dirixía Franco desde 1928). Esta reforma causou malestar e queixas entre algúns sectores do exército debido ás destitucións ou cambios de destino; e tamén por motivos políticos, porque a creación das autonomías foi interpretada por eles como unha ruptura da unidade da Patria. Para contar cunha forza armada leal, a República creou un novo corpo: a Garda de Asalto, unha policía que debía utilizarse para controlar as manifestacións e asegurar a orde pública nas cidades.

A reforma agraria

A España de 1931 seguía sendo un país basicamente rural (o 45,51% da poboación activa tiña o seu emprego no campo), no que dominaban os xornaleiros sen terra, os pequenos propietarios e os arrendatarios con explotacións tan pequenas que eran insuficientes para a súa subsistencia. A situación era especialmente grave para os xornaleiros andaluces e estremeños. A solución pasaba por unha reforma agraria que repartise a terra entre os campesiños que sempre a traballaran pero que non eran propietarios. Ante esta reforma ían atopar a oposición total dos grandes propietarios latifundistas do campo andaluz e estremeño.

Pero tampouco entre as forzas políticas había acordo: os republicanos querían crear un campesiñado de pequenos propietarios; os socialistas pretendían a colectivización da terra, facendo que fose propiedade dunha colectividade campesiña. As primeiras medidas para mellorar a situación dos campesiños foron tomadas polo Goberno provisional desde o Ministerio de Traballo, dirixido polo socialista Francisco Largo Caballero. Entre elas salientaban:

  • O Decreto de Termos Municipais, que obrigaba aos patróns a contratar xornaleiros residentes no concello onde radicaba a explotación agraria, co fin de impedir a contratación de foráneos cando os locais estaban en folga.
  • O Decreto de prolongación automática dos contratos de arrendamento, destinado a evitar o cambio de propiedade da terra antes da reforma.
  • O Decreto de laboreo forzoso, que obrigaba aos propietarios a cultivar as súas terras para non deixar sen traballo aos xornaleiros.
  • O establecemento de xurados mixtos, que debían solucionar os conflitos laborais entre xornaleiros e patróns, especialmente na fixación do salario.
  • A protección social aos traballadores mediante seguros como o de accidentes, de retiro e de maternidade.
  • A implantación da xornada de oito horas no campo.

A reforma da propiedade da terra foi un proceso máis lento e complexo. Tras interminables discusións e atrasos, foi aprobada en setembro de 1932 a Lei de Bases da Reforma Agraria, que autorizaba a expropiación de terras mediante indemnización e a súa concesión en usufruto (é dicir, para o seu aproveitamento) aos campesiños asentados nelas. Tamén se aprobou a Lei de Intensificación de Cultivos, que afectaba ás leiras de secaño da metade sur de España e permitía a cesión aos xornaleiros das terras non cultivadas polos seus propietarios.

Para a execución destas medidas creouse o Instituto de Reforma Agraria (IRA). A complexidade xurídica, a escaseza de recursos financeiros e a oposición frontal dos grandes terratenentes (unidos na Agrupación Nacional de Propietarios de Fincas Rústicas) fixeron que a reforma se aplicase con lentitude e que as terras entregadas fosen escasas, provocando unha fonda decepción e protestas entre os xornaleiros.

A reforma educativa

O Goberno de Azaña desenvolveu unha intensa actividade educativa dirixida tanto a diminuír as elevadas taxas de analfabetismo (situadas entre o 30% e o 50%) como a mellorar o nivel cultural xeral. Tratábase de estender unha educación pública obrigatoria, gratuíta e laica. O Ministerio de Instrución Pública deseñou un ambicioso programa de escolarización que incluía a construción de miles de escolas e a mellora da formación do maxisterio, en particular do ensino primario.

O número de escolas aumentou notablemente, duplicáronse os institutos de Bacharelato, mellorou a calidade do ensino, impulsáronse clases para persoas adultas, fundáronse centros de investigación (como a Fundación Nacional de Investigacións Científicas) e recoñeceuse o dereito ao uso das distintas linguas de España nas aulas, logrando diminuír as taxas de analfabetismo. Poucas veces na historia de España se acadara tanto avance educativo en tan pouco tempo.

Para achegar a instrución e a cultura a tódolos recantos do Estado creáronse as Misións Pedagóxicas, organizadas polo Ministerio, que levaron a vilas e aldeas obras de teatro, cinema, bibliotecas itinerantes e conferencias. Neste contexto xurdiu igualmente a experiencia de La Barraca, compañía teatral universitaria dirixida por Federico García Lorca que difundiu os clásicos do teatro polos núcleos rurais.

A autonomía de Cataluña

O pobo catalán foi o primeiro en tramitar o seu Estatuto, mesmo antes da promulgación da Constitución republicana. Unha comisión reunida en Nuria elaborou unha proposta que foi aprobada polos representantes municipais cataláns en xuño de 1931 e refrendada polo pobo en agosto cun 99% de sufraxios favorables. O seu debate nas Cortes foi lento e tenso, mais acelerouse trala intentona golpista de Sanjurjo en Sevilla, acadando a aprobación definitiva en setembro de 1932.

O Estatuto de Nuria deu satisfacción a gran parte das aspiracións catalás. O autogoberno catalán —a Generalitat— quedaba integrado por un Parlamento, a Presidencia da Generalitat e un Consello Executivo. Asumiu amplas competencias lexislativas e executivas en materia de facenda, economía, educación, cultura, transportes, comunicacións e orde pública, incluíndo a creación dun corpo policial propio: os Mossos d'Esquadra. Nas eleccións ao primeiro Parlamento de Cataluña, celebradas o 20 de novembro de 1932, a vitoria correspondeu a Esquerra Republicana; Francesc Macià converteuse no primeiro presidente da Generalitat republicana, responsabilidade que exerceu ata a súa morte en 1933, sendo sucedido posteriormente por Lluís Companys.

Descarregar

PDF Word HTML