Conceptos clave do Antigo Réxime e a España dos Borbóns

Francès4,67 KB

Catastro de Ensenada

O Catastro de Ensenada é unha magna indagación catastral dirixida en 1750 polo marqués da Ensenada, ministro de Facenda de Fernando VI. Abranguía os territorios da Coroa de Castela. Con el pretendíase racionalizar e facer máis xusto o sistema contributivo; para que isto fose realidade había que coñecer a riqueza de cada un.

O obxectivo principal era rematar dunha vez por todas coa gran cantidade de impostos existentes (alcabalas, décimos, primicias, foros, etc.), moi difíciles de controlar e que gravaban sobre todo á maioría dos contribuíntes, especialmente aos pobres, mentres que os ricos estaban moi beneficiados debido a que estes impostos se asentaban sobre as producións e bens de consumo, e non sobre as rendas e ingresos netos obtidos pola posesión de terreos e casas.

Decretos de Nova Planta

Os Decretos de Nova Planta son un conxunto de decretos asinados polo rei Felipe V despois da Guerra de Sucesión, en virtude dos cales se abolían os Foros e Constitucións dos territorios da Coroa de Aragón e se cambiaba a organización territorial da Monarquía Hispánica.

Formalmente son unha serie de Cédulas Reais que estableceron unha «nova planta» das Reais Audiencias dos territorios da Coroa de Aragón e da Coroa de Castela. Todos eles veñen precedidos dunha abolición das institucións propias.

Despotismo Ilustrado

O Despotismo Ilustrado é un concepto político que se enmarca dentro das monarquías absolutas e que pertence aos sistemas de goberno do Antigo Réxime europeo. Porén, inclúe as ideas filosóficas da Ilustración, segundo as cales as decisións do home son guiadas pola razón e a filosofía política do seu goberno descansa no dereito natural. Os monarcas desta doutrina contribuíron ao enriquecemento da cultura dos seus países e adoptaron un discurso paternalista.

Motín de Esquilache

O Motín de Esquilache foi a revolta que tivo lugar en Madrid en marzo de 1766, sendo rei Carlos III. A mobilización popular foi masiva. A consecuencia política do motín limitouse a un cambio de goberno que incluía o desterro do marqués de Esquilache, o principal ministro do rei, ao cal os amotinados culpaban da carestía do pan e que se fixera extraordinariamente impopular como consecuencia da prohibición dalgunhas vestimentas tradicionais. Foi un movemento popular espontáneo, pero cunha instrumentalización política evidente no medio dunha loita polo poder entre dúas faccións da Corte.

Paz de Utrecht

A Paz de Utrecht foi un tratado asinado entre Francia e España, por unha banda, e as Provincias Unidas, pola outra, para terminar a Guerra de Sucesión española. O rei de España, Carlos II, ao non ter herdeiro directo e temendo que logo da súa morte os seus Estados fosen repartidos entre as grandes potencias, fixo un testamento en favor de Felipe de Anjou, futuro Felipe V e neto de Luís XIV.

Regalismo borbónico

O Regalismo borbónico foi a política levada a cabo polos reis do Despotismo Ilustrado (Fernando VI e Carlos III) mediante a cal se pretendía arrebatar á Igrexa católica o seu poder político e cultural. A Coroa obrigaba á Igrexa a someterse a unha censura estatal sobre os libros e circulares (encíclicas) que publicase.

A figura do valido

A figura do valido é unha institución política propia do Antigo Réxime na Monarquía Hispánica, que alcanzou a súa plenitude baixo os chamados Austrias menores no século XVII. Aínda que non é un cargo con nomeamento formal, o de valido era o posto de maior confianza do monarca en cuestións temporais.

As funcións que exercía un valido eran as de máximo nivel na toma de decisións políticas, máis que un conselleiro, pois na práctica gobernaba en nome do rei, nun momento no que as monarquías autoritarias concentraron un enorme poder na súa figura. Utilízanse como sinónimos os termos favorito ou privado.

Antigo Réxime

O Antigo Réxime defínese como o conxunto de trazos políticos, xurídicos, sociais e económicos que caracterizaron a Europa e as súas colonias durante os séculos XVII e XVIII. No transcurso do século XIX irán sendo substituídos por outros propios da sociedade capitalista de clases.

Acuñárono e empregárono por vez primeira os revolucionarios franceses (durante a Asemblea Constituínte, en 1790) para designar despectivamente as estruturas política, social e administrativa do país en que vivían, que consideraban decadentes e inxustas.

Descarregar

PDF Word HTML