Descartes i el racionalisme modern: dubte, certesa i Déu
O racionalismo moderno: R. Descartes
“Ao examinar despois atentamente o que eu era e ver que podía finxir que non tiña corpo algún e que non había mundo nin lugar algún no que me atopase, pero… aínda que o corpo non fose, a alma non deixaría de ser canto é”.
(Descartes: Discurso do método)
Por que Descartes empeza poñendo todo en dúbida? Que tipo de dúbida é, e que razóns vai dando para ampliala cada vez máis?
Cal é a primeira verdade que resiste a toda dúbida?
Cal é a esencia ou natureza do eu cartesiano?
Que problema apunta xa nesta concepción cartesiana da alma?
“…advertindo que esa gran certeza que todo o mundo atribúe a tales demostracións (ás dos xeómetras) fúndase tan só en que se conciben dun modo… un Ser perfecto, é ou existe, como o podo saber tan ben como calquera demostración de xeometría”. (Descartes: Discurso do método)
Cal é a primeira regra do método cartesiano e onde se inspira?
Cal é a característica principal das demostracións dos xeómetras?
Que problema atopa Descartes nas demostracións dos xeómetras? Por que non lle serven para avanzar na construción da súa nova filosofía?
Que vantaxe encontra Descartes na idea de Deus que lle serve para continuar na súa construción filosófica? Que argumento propón Descartes aquí para demostrar a existencia de Deus e que problema ten este argumento?
“En fin, se aínda hai homes que, polas razóns que expuxen, non estean bastante convencidos da existencia de Deus e da alma, quero que saiban que todas… que concibimos moi clara e moi distintamente son todas verdadeiras, non é seguro máis que por mor de que Deus é ou existe, e que é un ser perfecto e todo canto é en nós procede del”.
(R. Descartes: Discurso do método).
Que diferenza hai entre certeza moral e certeza metafísica?
Que tipo de certeza cre Descartes que existe do mundo material, e por que? E da alma e de Deus?
Por que necesita Descartes afirmar a existencia de Deus? Que función cumpre Deus na súa filosofía?
Como xustifica Descartes a regra de evidencia? E que problema presenta isto?
SOLUCIÓNS
1.a) Descartes está decepcionado do saber tradicional recibido, no que non atopa verdades seguras e definitivas, agás nas matemáticas; e pretende construír un novo saber sobre bases sólidas, seguindo o modelo das matemáticas. Para realizar tal obxectivo propón se non aceptar como verdadeiro nada que non sexa absolutamente evidente, tan claro e distinto que nunca máis poida ser posto en dúbida. Deste xeito pretende desfacerse do saber recibido para construír sobre bases seguras. A dúbida cartesiana é, pois, unha dúbida metódica, provisional e finxida como método para chegar a verdades seguras e definitivas; non é a dúbida real dun auténtico escéptico.
As razóns para dubidar son hipóteses que van ampliando a dúbida até facela practicamente universal: a) a falacia dos sentidos, que me fai poñer en dúbida que as cousas sexan como eu as percibo; b) o soño, que me fai dubidar da existencia real da mesma realidade material; e c) un posible xenio maligno enganador, que me leva a dubidar mesmo das verdades matemáticas.
1.b) Posto todo en dúbida, Descartes topa cunha verdade tan evidente que é imposible dubidar dela: eu existo (cogito ergo sum). Nin as máis extravagantes dúbidas dos escépticos permiten poñela en dúbida. Por iso se converte no primeiro axioma sobre o que construír o novo saber.
1.c) A natureza ou esencia do eu é pensar: eu só son unha cousa ou substancia que pensa (res cogitans). Pois podo dubidar de todo o demais, mesmo do meu corpo; pero aínda posto en dúbida o corpo, eu existo como pensamento, como alma ou mente distinta e independente do corpo.
1.d) Ao concibir a mente pensante como realidade totalmente distinta e independente do corpo, e que non necesita del para existir, Descartes orixina un novo problema, que é o da relación e comunicación entre mente e corpo, unha vez que logre demostrar, e recupere así, a existencia do corpo. A solución de tal problema levará a todos os racionalistas a concepcións bastante artificiosas, e mesmo a introducir Deus nas súas explicacións…
2.a) A primeira regra do novo método cartesiano é a de evidencia: non aceptar como verdadeiro nada que non sexa absolutamente evidente, tan claro e distinto que non deixe lugar a dúbida. Así a evidencia convértese no novo criterio de verdade. A regra de evidencia está tomada do método que usan os xeómetras nas súas demostracións; pois parten de axiomas evidentes dende os que derivan con necesidade os demais teoremas.
2.b) A principal característica das demostracións dos xeómetras é que son evidentes. Pero en que reside a súa evidencia? En que son proposicións analíticas nas que o predicado xa está implícito no significado do suxeito da proposición. Descartes pon aquí dous exemplos destas verdades evidentes da xeometría:
na idea dunha “esfera” está xa implícito que “os seus puntos equidistan do centro”, pois iso é o que significa o concepto de esfera; e
na idea dun “triángulo” está incluído xa que “os seus ángulos equivalen a dous rectos”, pois iso derívase necesariamente do concepto de triángulo.
O problema das verdades xeométricas para Descartes é que non permiten demostrar que exista obxecto algún no mundo fóra do propio pensamento. As súas demostracións son evidentes e verdadeiras, pero non garanten que existan na realidade tales obxectos, só no propio pensamento. Posta en dúbida a existencia dun mundo exterior ao propio pensamento, encerrados no propio eu pensante como única realidade, as verdades da xeometría, sendo certas, non permiten saír do propio pensamento e afirmar a existencia de obxectos exteriores a el.
A idea de Deus é a dun Ser perfecto; e a idea dun Ser perfecto inclúe a súa existencia real; polo tanto, que Deus existe é unha verdade analítica tan evidente como as da Xeometría. Descartes recorre aquí ao famoso argumento ontolóxico, procedente de Anselmo de Canterbury (s. XII), que consideraba que é máis perfecto algo que exista na realidade que se só existira na mente como pensamento. Pero tal argumento cae nunha falacia categorial ao considerar a existencia como un predicado da esencia de algo. Dá un salto ilícito do plano das ideas pensadas (hipotéticas) ao plano real…
Así, partindo da idea de Deus, pensa Descartes que podemos saír do eu pensante, do propio pensamento no que a dúbida nos encerrou, e afirmar que existe algo máis que o eu pensante, que existe Deus. Desde aí podería iniciar a demostración doutras verdades que provisionalmente foron postas en dúbida.
A certeza moral é a que se basea na costume e na experiencia ordinaria. Estas certezas morais son crenzas que aceptamos como verdadeiras, e que son necesarias e suficientes para asentar a nosa vida ordinaria, a non ser que sexamos uns extravagantes: temos certeza moral suficiente de que “despois da noite virá o día”, de que “o inverno virá despois do verán”, ou de que “a auga fresca calmará a sede”, por exemplo. Pero non son verdades absolutamente indubidables, non temos unha seguridade absoluta das mesmas, poden ser cuestionadas; aínda que ir por aí cuestionando todas estas certezas faría de nós uns extravagantes. A certeza metafísica, pola contra, é seguridade absoluta na verdade de algo, que non deixa lugar a dúbida algunha. A súa base sería a evidencia.
Descartes pensa que da existencia do mundo material non hai máis que certeza moral, aínda que suficiente para asentar a nosa vida sobre ela. Só os extravagantes van desconfiando de todo e dubidando do que teñen diante dos seus fociños. Pero non temos unha certeza absoluta, pois calquera pode ver, a non ser que sexa pouco razoable, que a posibilidade de que todo sexa un soño permite introducir certa dúbida sobre a súa existencia real do mundo.
Pero, en cambio, respecto á existencia do eu pensante (alma ou mente) hai unha certeza metafísica absoluta, pois resulta imposible poñela en dúbida. E respecto á existencia de Deus, Descartes considera que existe unha certeza demostrativa absoluta, posto que se deduce necesariamente da propia idea de Deus. [Non obstante, xa se sinalou anteriormente a falacia da argumentación]
A demostración da existencia de Deus é un punto clave na construción cartesiana da nova filosofía, pois resulta a única forma para saír do eu pensante, e poder derivar dedutivamente outras verdades, postas provisionalmente en dúbida. A existencia de Deus permitiralle a Descartes cancelar as principais hipóteses da dúbida, a do soño e a do xenio maligno. Un Deus bo e veraz non resulta compatible con que todo fose un soño ou un engano do maligno. Descartes non atopa ningunha outra razón convincente para desbotar estas hipóteses de dúbida máis que a existencia de Deus.
A propia regra de evidencia, na que Descartes asentou o seu método, só queda garantida pola existencia de Deus. Pero isto presenta o problema de certa circularidade na argumentación de Descartes; pois primeiro adopta como regra fundamental a regra de evidencia, sen xustificala; e esta regra esíxelle poñer todo en dúbida até chegar á primeira evidencia que é o eu pensante, do que deduce a existencia de Deus; pero só Deus xustifica a regra mesma da que partiu.