O Método e a Dúbida Cartesiana en René Descartes

Francès7,61 KB

Descartes proponse a construción dun método que, ao aplicalo, permita desterrar calquera erro e avanzar no coñecemento da verdade.

No Discurso do método tan só nos propón catro regras que encerrarían a esencia da “matemática universal”. O método desta matemática universal podemos definilo como axiomático dedutivo ou tamén intuitivo dedutivo, no sentido de que a identificación dos axiomas que deberemos adoptar como principios para todo procedemento dedutivo é resultado dunha evidencia intuitiva.

Descartes da a seguinte definición do método: “Conxunto de regras certas e fáciles, grazas as cales quen as observe exactamente nunca tomará o falso por verdadeiro e, non empregando inutilmente esforzo ningún da mente, senón aumentando gradualmente a ciencia, chegará ó coñecemento de todas aquelas cousas das que sexa capaz”.

As regras do método cartesiano

O método mantén as seguintes regras:

  1. A evidencia consiste en aceptar como verdadeiro só aquilo que é claro e distinto. A claridade e a distinción serán as notas distintivas das ideas evidentes ou naturezas simples.
  2. O análise consiste en dividir os problemas complexos nas súas partes co obxecto de identificar nesas partes as evidencias intuitivas.
  3. A síntese, isto é, de integración de elementos diversos nunha unidade argumentativa, na que as evidencias intuitivas da razón deben ocupar o lugar dos fundamentos.
  4. A enumeración implica volver sobre o proceso todo para asegurármonos de que non omitimos ningún paso, nin cometemos erro algún na aplicación de cada un dos pasos e, polo tanto, a síntese final é correcta.

Elementos clave do método

Cabe distinguir os seguintes elementos implicados no método: a intuición, a dedución e a orde.

A intuición é a base do coñecemento e grazas a ela separamos o verdadeiro do que non é certo. É unha especie de “luz ou instinto natural”, polo que captamos, sen posibilidade de erro, os conceptos simples que xorden da razón mesma.

A dedución permítenos derivar as novas ideas a partir das que xa coñecemos. É unha intuición sucesiva das naturezas simples e das conexións que existen entre elas.

Finalmente, a orde é a que nos permite situar, no lugar do caos aparente da experiencia sensorial, unha disposición racional, que é o obxectivo da ciencia.

A dúbida metódica

A primeira regra do método, a evidencia, esixe a eliminación de calquera dúbida sobre as proposicións das que parte o coñecemento. A dúbida representa a parte crítica do método, que permitirá discriminar entre todos os saberes ata entón aceptados, cales serán capaces de superar a crítica metódica e cales non. Pero desde o primeiro momento terá coidado en salientar que esta dúbida metódica non debe ser confundida coa “dúbida dos escépticos”. A dúbida escéptica renuncia, de feito, á verdade, que considera imposible, mentres que a dúbida metódica é xustamente o camiño para desbotar o erro e así chegar á certeza.

Pero a dúbida cartesiana non é un mero escepticismo, senón que se trata dun procedemento dialéctico de investigación que pretende chegar á primeira verdade evidente, á primeira natureza simple, á primeira idea clara e distinta; trátase, por tanto, dunha dúbida metódica, non escéptica. Ademais é unha dúbida universal. Porén, é teorética, é dicir, afectará os coñecementos pero non se estende á conduta ou vida práctica.

É voluntaria, porque depende da nosa vontade. É hiperbólica, xa que nos convida a dubidar non só do que consideramos falso, senón tamén daquilo que poida suscitar en nos calquera sospeita.

Motivos da dúbida

Descartes proporá tres motivos fundamentais que nos poden levar a dubidar dos nosos coñecementos:

  • a) A testemuña enganosa dos sentidos: os sentidos teñen moitas limitacións polo que non son fiables e debemos rexeitar a información proporcionada por eles.
  • b) A confusión do sono e da vixilia: Descartes lembraranos que carecemos dun criterio firme para distinguir as fronteiras entre o soño e a vixilia.
  • c) A hipótese de Deus como xenio malo pon en dúbida mesmo a seguridade nas certezas matemáticas.

O cogito como primeira certeza

Pero Descartes descubre aínda así unha verdade que supera calquera dos graos de dúbida. Así chega a un enunciado que é verdadeiro, mesmo aínda que exista un xenio maligno: Eu penso, logo eu son. Unha verdade que non pode negar nin sequera un escéptico e que constitúe o axioma ou primeiro principio sobre o que se construirá o resto do pensamento seguindo as regras do método. É o “cogito” (pensamento) —da versión latina: “Cogito ergo sum”— no que Descartes cre atopar o seu punto de apoio co que agarda poder construír todo un mundo de coñecementos.

O “cogito” ou “eu” não é para Descartes mais que unha cousa que executa actos de pensamento, é dicir, que dúbida, que concibe, que afirma, que nega, que quere, que non quere, que imaxina tamén, e que sente.

As ideas e o criterio de certeza

Descartes concibe as ideas como contidos mentais que poden representar cousas do mundo físico ou imaxinario. Descartes divide as ideas en tres tipos para reflexionar sobre a verdade que poden proporcionarnos:

  1. Ideas innatas, as que nacen coa mente e non proceden da experiencia.
  2. As adventicias, que xorden a través da experiencia.
  3. As ficticias, que crea a mente por composición doutras ideas.

As ideas innatas teñen as mesmas cualidades do cogito, son ideas claras e distintas.

Pero se estas ideas innatas están na mente deben ter unha causa; se esta non é o mundo sensible, debe ou ben ser o propio “eu” (cogito) ou ben outra entidade diferente de min mesmo.

A idea de substancia en Descartes

Por substancia entende “unha cousa que existe de tal xeito que ela non ten necesidade máis que de si mesma para existir”. Esta definición só se podería aplicar a Deus, xa que só Deus pode existir por si mesmo. Sen embargo, tamén podemos dicir que as cousas físicas que captamos polos sentidos son substancias porque son cousas exteriores e distintas de nós que están representadas na nosa mente polas ideas correspondentes.

Os tres tipos de substancias

Estes son os tres tipos de substancias existentes para Descartes:

  • Deus (res infinita): A súa característica é a perfección. Deus é a causa da existencia do universo físico extenso e quen o dotou das leis que rexen o seu movemento.
  • O pensamento (res cogitans): O seu atributo é o pensamento.
  • As cousas materiais (res extensa): A súa característica fundamental é a extensión, é dicir, a propiedade de que o seu ser pode ser reducible a determinadas cantidades medibles. Agás a alma humana, todo canto no mundo hai é substancia extensa.

Descarregar

PDF Word HTML