Narrativa galega entre 1900 i 1925: autors i tendències

Altres llengües estrangeres4,11 KB

A narrativa galega entre 1900 e 1925

No primeiro terzo do século XX coexisten autores que seguen os patróns herdados do século XIX e outros que foron introducindo novidades na nosa literatura. Cabe sinalar que os progresos da prensa e a creación do Seminario de Estudos Galegos facilitaron o acceso do galego aos textos ensaísticos e científicos, propiciando grandes avances na prosa.

Como sinalabamos, un grupo de autores seguiu a tradición, e as súas obras presentan unha temática costumista, de apoloxía da vida rural e de valoración do folclórico e da tradición. Entre estes autores atopamos a Francisca Herrero, membro da RAG e autora de novelas como Néveda, nas que tratou temáticas como a submisión da muller ou a idealización do mundo rural; Manuel García Barros, que durante esta época só escribiu Contos da terriña, e que destacou anos máis tarde con Aventuras de Alberte Quiñoi, unhas memorias sobre a súa adolescencia ambientadas no século XIX; e Gonzalo López Abente, que publicou novelas breves con ambientación costumista, mariñeira e vilega, entre elas O novo xuíz.

Por outro lado, temos os autores asociados ás Irmandades, que teñen unha vontade ideolóxica e, por iso, mostraron unha visión máis crítica da sociedade e trataron temas como a emigración. Neste grupo encádrase Xosé Lesta, autor de Estebo, e outros que se distinguen máis ben polo seu labor de editores, como Leandro Carré, fundador da editorial Lar, e Xaime Quintanilla, director da colección Céltiga, na que se publicaron obras dos autores da xeración Nós.

Por último, temos aos membros da Xeración Nós, aglutinados arredor da revista Nós, que deron lugar a un dos momentos máis brillantes da nosa literatura. O núcleo xeracional está formado polos membros do Cenáculo Ourensán: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas, aos que se engadiron autores tan destacados como Castelao ou Antón Losada.

Cabe mencionar que os membros do Cenáculo Ourensán presentan unha serie de características comúns, como a pertenza a familias acomodadas. Ademais, rexeitaron o modelo social no que vivían e adoptaron unha actitude de illamento intelectual. Isto levounos a refuxiarse nas ciencias ocultas e nos mundos exóticos, e a considerarse uns inadaptados, unha actitude que retrata Vicente Risco na obra Nós, os inadaptados, e tamén Otero Pedrayo en Arredor de si. Por último, en 1918 conectaron coas Irmandades a través de Antón Losada e comezaron a tomar conciencia galeguista, defendendo un nacionalismo cultural.

En xeral, a Xeración Nós caracterízase polo afán de modernizar e europeizar a nosa cultura, así como de modificar o pensamento da sociedade galega a través dunha vontade pedagóxica, pero tamén pola defensa da sociedade tradicional fidalga e a introdución de novas técnicas narrativas, cun estilo persoal que os identifica e distingue.

Por unha banda, Vicente Risco é o autor de relatos como O lobo da xente e da novela O porco de pé. Pola súa parte, López Cuevillas destacou polos seus estudos científicos e escribiu un ensaio, Dos nosos tempos, no que explica a evolución intelectual dos membros do grupo. Por outro lado, temos a Castelao, autor de relatos e contos breves como Retrincos ou Cousas, da novela Os dous de sempre e dunha das obras de teatro máis orixinais da nosa literatura, Os vellos non deben de namorarse. Por último, Otero Pedrayo, autor de Os camiños da vida, abarcou todos os xéneros, e o seu tema principal é a decadencia da fidalguía.

Como conclusión, cabería sinalar a importancia de todos estes autores para o desenvolvemento do xénero narrativo e tamén para a revalorización da lingua. Neste sentido, foron de especial relevancia os membros da Xeración Nós, que buscaron ir máis alá e innovar, modernizar e europeizar a nosa literatura.

Descarregar

PDF Word HTML