A prosa galega entre 1936 e 1976: Os renovadores
A prosa entre 1936 e 1976: Os renovadores
Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas
Contexto da posguerra
Tras a Guerra Civil freouse o Segundo Rexurdimento galego cun forzoso silencio provocado pola represión contra o galeguismo, polo que moitos intelectuais tiveron que exiliarse. A primeira obra narrativa na nosa lingua publicada nesta nova etapa foi A xente da Barreira, de Ricardo Carballo Calero, continuadora do Grupo Nós. Desta etapa anterior tamén destacou Ramón Otero Pedrayo, quen publicou dúas obras a finais dos anos 50. Porén, os autores de prosa en galego máis importantes desta época foron Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor, Ánxel Fole e Xosé Neira Vilas.
Os grandes renovadores da narrativa
Álvaro Cunqueiro
Álvaro Cunqueiro, que antes de 1936 fora eminentemente poeta, desenvolveu unha narrativa fantástica na que mesturaba a fantasía coa realidade, creando deste xeito universos totalmente novos pero con personaxes recollidos do mundo máxico e lendario anterior, coma Merlín e Xenebra (en Merlín e familia) e Simbad (en Si o vello Sinbad volvese ás illas). Así mesmo, escribiu tamén libros de retratos de tipos populares galegos, coma Xente de aquí e de acolá.
Eduardo Blanco Amor
Eduardo Blanco Amor, pola súa banda, cultivou unha narrativa realista centrada nos ambientes urbanos marxinais de comezos de século; para iso recorreu a personaxes marxinados e a un léxico de rexistro vulgar. Cabe destacar que gran parte da súa obra se desenvolve na cidade de Auria, que representa a súa localidade natal, Ourense. Entre os seus libros sobresaen A esmorga (que non superou a censura en España e se publicou en Bos Aires), Os biosbardos e Xente ao lonxe.
Ánxel Fole
Ánxel Fole foi o máximo representante da narrativa popular, recompilando historias de difusión oral e tradición popular para darlles formato literario. Na súa obra, ambientada na montaña luguesa, reflicte a realidade do pobo galego rural: incomunicado, pobre e illado; ademais, emprega unha técnica narrativa moi próxima á dos contos tradicionais arredor do lume. Entre as súas obras destacan Á lus do candil: Contos a carón do lume e Terra brava: Contos da solaina.
Xosé Neira Vilas
Xosé Neira Vilas, quen tivo que emigrar moi novo, foi un autor que escribiu desde o estranxeiro, principalmente desde Cuba. Dentro da súa ampla produción sobresae a narrativa con protagonista infantil, como é o caso de Memorias dun neno labrego, unha das obras máis lidas e vendidas da nosa literatura.
O ensaio e a Editorial Galaxia
No tocante ao ensaio, o xénero sufriu duramente o peche do Seminario de Estudos Galegos e tivo que agardar ata a fundación da Editorial Galaxia (1950) para recuperar o pulo anterior. Dentro deste ámbito cómpre salientar a transcendencia da revista e colección Grial, xunto co labor de ensaístas fundamentais como Ramón Piñeiro, Celestino Fernández de la Vega e Francisco Fernández del Riego.
Conclusión
En definitiva, a pesar do forzoso silencio imposto pola posguerra, a narrativa galega foi quen de reaparecer grazas ao pulo destes renovadores e legarnos obras mestras da nosa literatura.