Xeografía de Galicia e España: Relevo, Industria e Espazo Rural
O relevo de Galicia e a súa evolución xeolóxica
Unidades do relevo e análise topográfica
- B: Depresión Meridiana (ou fosa Carballo-Tui).
- C: Dorsal Meridiana Galega ou Dorsal Galega.
- E: Depresións interiores, fosas miocénicas (Monforte, Ourense,…).
- F: Serras orientais.
Tipo de documento: Estamos diante dun corte ou perfil topográfico do relevo galego, con orientación Oeste-Leste, marcando no eixe horizontal a distancia en liña recta ata 250 km e no eixe vertical a altitude ata 2.000 metros; nel indícanse as principais unidades do relevo, distinguidas por cores. Ademais das altitudes actuais das distintas unidades, reflíctese —en liña de puntos descontinua— o arredondamento da penechaira galega antes da fractura do relevo acontecida durante o Terciario.
Morfoloxía e litoloxía: Na área A, correspondente ao bloque litoral, predomina o granito, que dá lugar a un modelado característico desta rocha intrusiva, cristalina e ríxida que pode ser alterada física ou quimicamente (por xelifracción ou conxelación da auga en gretas ou diaclasas; os axentes erosivos poden ocasionar tamén tors, caos de bolas, penedos, a presenza de pedras cabaleiras, etc.). Un exemplo ben característico de modelado granítico atopámolo no Monte Pindo. Na área E, correspondente ás fosas tectónicas orixinadas despois da oroxénese alpina, acumúlanse depósitos sedimentarios de rochas brandas como as arxilas, facilmente erosionables, con formas como os cavorcos, somontes e acumulación de materiais detríticos, outras veces coincidentes con materiais aluviais depositados en fondos de depresións con estratos horizontais, que producen un relevo con escasa pendente.
Etapas da historia xeolóxica galega
O relevo galego actual é o resultado dunha historia xeolóxica de millóns de anos na que se alternaron fases oroxénicas con outras de calma, nas que predominou a erosión e a sedimentación:
- Era arcaica ou Precámbrico (4.000 – 600 millóns de anos): Emerxeu do mar unha banda arqueada de noroeste a sueste, formada por lousas e gneis, que comprendía case toda a actual Galicia.
- Era primaria ou Paleozoico (600 – 225 millóns de anos): Tivo lugar a oroxénese herciniana. A cordilleira herciniana, formada por materiais como o granito, a lousa e a cuarcita, mantivo unha aliñación predominante NO-SE, formando a base do zócolo hespérico que se estende ao oeste de toda a Península Ibérica.
- Era secundaria ou Mesozoico (225 – 68 millóns de anos): Foi un período de calma no que predominaron a erosión e a sedimentación, e no que continuou o aplanamento da cordilleira herciniana.
- Era terciaria (68 – 1,7 millóns de anos): Produciuse a oroxénese alpina. Como resultado desta oroxénese, o zócolo herciniano, formado por materiais paleozoicos ríxidos, experimentou fracturas e fallas. Así, acomodándose á vella rede de fracturas e a outras novas xurdidas como consecuencia do pregamento alpino, fracturáronse os bloques do Macizo Galaico e xurdiron depresións afundidas á beira de horsts realzados.
- Era cuaternaria (1,7 millóns de anos ata a actualidade): Producíronse o glaciarismo e a sedimentación de depósitos aluviais. En Galicia, o glaciarismo quedou restrinxido aos puntos máis elevados das serras orientais e surorientais, con pequenos circos de cabeceira. No fondo das depresións, o arrastre fluvial depositou aluvións que as foron colmatando.
A industria en España: evolución e retos actuais
Crise, reconversión e entrada na Unión Europea
España é un país integrado no conxunto dos países industriais do mundo. Pero o desenvolvemento no Estado español da actividade industrial non acadou un nivel notable ata a segunda metade do século XX. A crise industrial de 1974, que evidenciou a necesidade de cambiar os sistemas de produción, coincidiu coa revolución tecnolóxico-informática. Desenvolveuse así a etapa denominada postindustrial e tamén a terceira revolución industrial, que deu lugar a novos modelos de empresas cunha importancia crecente das novas tecnoloxías, a innovación e a investigación.
O ingreso de España na UE supuxo o fin de todo proteccionismo e a apertura do mercado á competencia exterior, o que provocou unha reconversión industrial e o peche de moitas industrias non competitivas. A industria española, despois da súa entrada na Unión Europea, viviu un proceso de modernización produtiva; tivo que superar un período de crise a partir do ano 1990 que se agudizou no 1993. A mediados dos anos 90 a industria española, xa recuperada, convertérase no sector de actividade máis produtivo grazas á moderación salarial e á flexibilidade na contratación laboral. A economía crecía por riba da media europea e aumentaba o investimento español nos países da UE, mentres que en Portugal, o norte de África e Latinoamérica instalábanse empresas españolas. A industria tivo un bo ritmo de crecemento de vendas, produción e demanda, aínda que vai perdendo importancia dentro do conxunto de actividades económicas a causa da terciarización xeral do emprego.
Desafíos estruturais da industria española
Os desafíos da industria española presentan diversos problemas estruturais que afectan negativamente á súa competitividade fronte á economía europea e á global:
- Escaso número de grandes empresas: Dominan as pequenas e medianas empresas (pemes); estas teñen a vantaxe de adaptarse mellor ás demandas do mercado e presentar menos conflitos laborais; porén, non lles permite facer economías de escala nin grandes investimentos en novas tecnoloxías.
- Produtividade e innovación: A produtividade industrial é inferior á da UE, o que incrementa o custo laboral. Un dos recursos para mellorar a produtividade é a aplicación das innovacións derivadas das TIC, pero o gasto español neste sentido está moi por debaixo do gasto da UE. O nivel de intensidade tecnolóxica é baixo e a porcentaxe de investimento en I+D é insuficiente.
- Balanza tecnolóxica deficitaria: As principais empresas de automóbiles, maquinaria eléctrica, aparellos electrodomésticos e produtos farmacéuticos fabrican con patentes estranxeiras, que son unha boa fonte de ingresos para os países que as crean, pero non para os que só as aplican. É fundamental dedicarlle unha porcentaxe máis elevada do PIB a I+D e fomentar a mellora do sistema educativo e a formación técnica laboral.
Consecuencias da incorporación de novos Estados á UE: Esta ampliación afecta á industria española por diversas causas: estes países gozan dunha maior proximidade ao grande eixe industrial europeo que constitúen os países nórdicos, Alemaña e o norte de Italia; a súa estrutura produtiva é similar á española, cunha man de obra máis barata e unha produtividade e cualificación en alta tecnoloxía maior; ademais, o investimento de capital estranxeiro permitiulles a implantación de empresas de alta tecnoloxía, co que aumentou o seu potencial industrial dentro da UE.
Os espazos industriais españois nun mundo global
O actual tecido industrial español estase a incorporar á globalización económica, de maneira que as nosas zonas industriais configúranse como puntos dunha rede de produción a nivel mundial. Esta rede caracterízase pola concentración de capital e de decisión en poucas empresas multinacionais moi poderosas, co que o papel da economía estatal redúcese. Numerosas decisións tómanse fóra de España, xa que aquí hai poucas sedes centrais de grandes empresas. Isto explica que, malia ser unha potencia industrial, non teña un papel tan relevante na economía mundial.
Globalización e deslocalización
Nunha economía globalizada, as empresas buscan a competitividade para aumentar a súa cota de mercado; de aquí derívanse as causas da deslocalización: a busca de menores custos laborais e das mellores condicións fiscais e técnicas. Por esta razón trasládanse ao leste de Europa, ao sueste asiático, á China, etc. Por outro lado, a localización dos establecementos industriais flexibilizouse, de maneira que a empresa pode deslocalizar parte do proceso produtivo. Este é o caso dalgunhas fábricas téxtiles españolas que desprazaron ao norte de África os procesos que esixen unha considerable man de obra, mentres que o deseño dos tecidos, proceso de maior valor engadido, faise en España. As consecuencias da deslocalización son o aumento da taxa de paro e a perda de emprego do sector secundario, que cada vez tende máis a terciarizarse. As políticas industriais por parte dos gobernos proporciónanlles axudas ás empresas para frear o proceso de deslocalización e o aumento do paro.
O espazo rural e o sector agrario en España
Evolución do espazo rural e demografía
O espazo rural, territorio tradicionalmente non urbanizado, foi un espazo agrario onde se desenvolvían as actividades agrícolas, gandeiras e forestais. A partir de 1970 introducíronse outras actividades e o espazo rural volveuse máis heteroxéneo e complexo.
A poboación rural ocupada nas actividades agrarias é escasa e envellecida, con diferenzas territoriais entre as baixas cifras de poboación agraria de Madrid e do País Vasco (arredor do 1%) e os valores máis altos de Estremadura, Murcia e Galicia (máis do 8%). A causa principal desta situación foi o éxodo rural acontecido entre 1960 e 1975, motivado pola mecanización das tarefas agrarias e pola atracción exercida pola industria e polos servizos urbanos. Desde 1975, a crise económica desacelerou o éxodo rural. As tendencias demográficas actuais son dobres:
- Por un lado, a continuación do descenso demográfico e do envellecemento nas áreas rurais máis desfavorecidas, motivada polo crecemento natural negativo, a emigración e os plans de xubilación.
- Por outro lado, unha certa recuperación e rexuvenecemento das áreas rurais máis dinámicas, relacionada co asentamento de inmigrantes para realizar tarefas agrarias.
Explotacións agrarias e réxime de tenza
A explotación agraria é a unidade económica que agrupa todas as parcelas traballadas por un mesmo agricultor ou gandeiro, xunto ás instalacións complementarias. En España contabilízanse hoxe aproximadamente un millón de explotacións agrarias, cifra inferior á de décadas anteriores polo abandono de terras daquelas persoas que se xubilaron, emigraron ou cambiaron de actividade, e como resultado dun proceso de concentración de parte desas terras que permitiu a elevación do tamaño medio das explotacións, aínda que existen fortes contrastes. O resultado é unha dualidade cada vez maior entre:
- Explotacións familiares moi pequenas, pouco rendibles, en progresivo abandono ou traballadas só a tempo parcial cunha baixa produtividade.
- Empresas agrarias de particulares, sociedades ou cooperativas, que teñen máis dimensión, estanse a modernizar e son rendibles.
Existen diferenzas rexionais en canto ao tamaño medio das explotacións agrarias: as rexións dominadas por cultivos de secaño ou devesas presentan explotacións de maior tamaño medio, e as rexións húmidas e de especialización gandeira contan con explotacións máis pequenas.
En canto ao réxime de tenza, distínguese entre:
- Directa: O titular da explotación agraria, con independencia de que traballe fisicamente nela ou non, é o propietario da terra. Na actualidade, un 70% das terras cultivadas mantense en tenza directa.
- Indirecta: O titular da explotación e o propietario da terra non son a mesma persoa. Nestes casos, o propietario cede a terra para a súa explotación en réxime de arrendamento (aluguer que se establece mediante o pago dunha renda) ou aparcería (sociedade na que o dono achega a terra e o parceiro o traballo). O sistema de aparcería tende a desaparecer.
Un medio esencial para conseguir explotacións agrarias rendibles e de dimensión suficiente foi a creación de cooperativas.
Técnicas e sistemas agrarios
Experimentaron cambios profundos desde 1960 a través de dúas vías:
- Transformacións técnicas: Incorporación de avances como a mecanización das tarefas, a selección xenética das sementes e razas gandeiras, ou o uso de fertilizantes químicos e produtos fitosanitarios.
- Transformacións dos sistemas agrarios: Supuxeron a intensificación da produción e o aumento de rendementos. A agricultura española actual coñeceu un intenso proceso de modernización que permitiu elevar a súa eficiencia. As transformacións máis importantes foron a crecente especialización do territorio nos cultivos, o maior investimento de capital para incorporar maquinaria, produtos químicos ou sementes, o incremento da superficie en regadío e a incorporación de novas técnicas de cultivo.
Estrutura gandeira
Hoxe en día a gandería representa arredor dun 40% da produción final agraria, fronte ao 60% da agricultura. Esta crecente importancia veu acompañada por un cambio das funcións asignadas á actividade gandeira, que de ser só un complemento da agricultura aumentou notablemente a súa relevancia económica. Na actualidade produciuse unha intensificación da actividade, crecendo a estabulación do gando en granxas onde é alimentado a partir de pensos. Pola contra, case desapareceron prácticas seculares como a transhumancia estacional dos rabaños.
Os tipos de especies tiveron un crecemento moi desigual, que tamén modificou a súa distribución espacial:
- O gando bovino ou vacún.
- O gando ovino.
- O gando caprino, tradicionalmente complementario do anterior.
- O gando porcino.
- O gando aviario, que é a cabana que rexistrou un maior aumento nos últimos anos.
A Política Agraria Común (PAC)
As áreas rurais españolas cunha importante presenza de actividades agrarias enfróntanse desde hai décadas a importantes problemas: escasa competitividade dunha parte dos produtos, progresivo despoboamento e envellecemento das áreas rurais, redución dos empregos agrarios, ingresos medios inferiores e crecentes impactos ambientais. Ante esta situación, todos os países desenvolvidos manteñen unha política agraria que trata de asegurar a viabilidade do sector e manter a presenza no ramo dun certo número de agricultores e gandeiros.
Desde a entrada na Unión Europea, a maioría das accións dirixidas á promoción do sector agrario español proveñen da Política Agraria Común (PAC). Aínda que a PAC coñeceu importantes cambios ao longo do tempo, a súa influencia sobre o sector agrario español concretouse nunha serie de accións:
- Establecemento de prezos de garantía para determinados produtos agrícolas e gandeiros con subvencións.
- Esixencia de redución de superficie ou cotas máximas de produción para algúns cultivos ou especies gandeiras que xeran excedentes non consumidos.
- Apoio á reforestación de terras agrícolas e ao fomento da agricultura e gandería ecolóxicas.
- Axudas financeiras directas para a modernización e innovación das explotacións.
- Apoio á diversificación económica do mundo rural (fomento do turismo rural, artesanía, pequena industria agroalimentaria, etc.).
- Axudas especiais destinadas a áreas de montaña e zonas rurais desfavorecidas.