Xeoloxía: Cordilleiras, Fallas, Datación e Eras Xeolóxicas

Francès5,85 KB

Oroxénese: tipos de cordilleiras

Cordilleiras de tipo andino

Sitúanse no bordo de placa dun continente. Están nos bordos de placa nos que a litosfera oceánica subduce baixo a litosfera continental:

  1. Formación do prisma de acreción: a litosfera oceánica transporta rochas sedimentarias; a maioría reténas e amoréaas ao fracturalas e dobralas a placa continental.
  2. Magmatismo e metamorfismo: a presenza de auga na litosfera subducida favorece a fusión parcial das rochas; os magmas producidos ascenden.

Exemplos: Rocosas, Andes e Atlas.

Cordilleiras de tipo alpino

Sitúanse no interior dos continentes. Orixínanse en zonas nas que converxen dúas litosferas continentais; a placa subduce e ten ao principio un tramo oceánico, o que explica a presenza de fósiles mariños:

  1. Subdución oceánica: a litosfera oceánica subduce e os sedimentos transportados acumúlanse, dóbranse e rompen.
  2. Peche da cunca oceánica: consómese toda a litosfera oceánica e o continente accede á zona de subdución.
  3. Colisión continental: o maior grosor e a menor densidade da litosfera continental dificultan a súa subdución. Os dous continentes coliden: algunhas partes incrustanse e outras solápanse. A actividade magmática cesa, pero a sísmica non.

Exemplos: Himalaia, Pirineos e Alpes.

Deformacións tectónicas: diaclases e fallas

Diaclases

Diaclases: fracturas nas que os bloques non se desprazan un con respecto ao outro.

Fallas e as súas partes

Fallas: fracturas nas que se produce o desprazamento dun bloque con respecto ao outro. As súas partes son:

  • Plano de falla: superficie onde se desprazaron os bloques.
  • Labios de falla: bloques nos que se dividiu o terreo; se quedan a diferente altura, haberá un levantado e outro afundido.
  • Salto de falla: medida do desprazamento relativo que se produciu entre os dous labios.
  • Orientación da falla: dirección e buzamento do seu plano de falla.

Tipos de fallas

  • Normal ou directa: orixinada por esforzos de tensión.
  • Inversa: orixinada por esforzos de compresión.
  • Esgazadura: orixinada por esforzos de cizalla.

Asociacións de fallas

  • Graben: bloque afundido limitado a ambos os lados por fallas normais. Exemplo: o río Ulla ao pasar por Touro.
  • Horst: bloque levantado limitado a ambos os lados por fallas normais. Exemplos: Sistema Central e Montes de Toledo.

Xeocronoloxía e datación xeolóxica

Métodos de datación

  • Datación absoluta: indica cantos anos hai que tivo lugar un suceso.
  • Datación relativa: establece que ocorreu antes e que ocorreu despois. Fundaméntase en:
    • Principios fundamentais de Steno: propostos no século XVII, comprenden o principio da horizontalidade orixinal dos estratos e o da superposición dos estratos.
    • Principio de sucesión faunística: os materiais que se depositan nos períodos xeolóxicos teñen distintos fósiles, posto que os organismos evolucionan e sucédense uns a outros; calquera período da historia pode recoñecerse polo seu contido fósil.
    • Principio das relacións transversais: todo proceso xeolóxico é posterior aos materiais e ás estruturas ás que afecta.

Criterios para ordenar os estratos

Para ordenar os estratos disponse de:

  • Fósiles: se coñecemos cando viviu unha especie, saberemos a idade da rocha. Os mellores son os fósiles guía (trilobites, belemnites, amonites), que deben cumprir tres características:
    1. Vivir durante un período xeoloxicamente curto.
    2. Ter unha ampla distribución xeográfica.
    3. Ser abundantes.
  • Granoselección ou estratificación graduada: distribución por tamaños dos materiais dun estrato, cos máis grosos ao fondo.
  • Gretas de desecamento: fórmanse cando secan os sedimentos arxilosos; son gretas moi abertas na superficie que se pechan en profundidade e teñen forma de V.

Historia xeolóxica da Terra: as eras

Paleozoico (540 Ma ata 252 Ma)

Comeza coa división de Pannotia ata formar Panxea.

  • «Explosión cámbrica»: xorden grandes grupos de animais, entre eles os cordados.
  • Aparición de animais provistos de cuncha; destacan os trilobites.
  • A vida invade os continentes. No período Carbonífero desenvolvéronse grandes bosques.
  • Orixínanse os vertebrados: primeiro os mariños (peixes) e logo os terrestres (primeiro anfibios e logo réptiles).
  • Extinción do Pérmico: neste período tivo lugar a maior desaparición de especies da historia da Terra.

Mesozoico (252 Ma ata 66 Ma)

Comeza a dividirse Panxea e orixínase o océano Atlántico.

  • Aparecen as plantas con flores.
  • Os réptiles acadan o seu máximo desenvolvemento.
  • Aparición dos primeiros mamíferos.
  • Aparición das primeiras aves.

Cenozoico (últimos 66 Ma)

Continúa o desprazamento dos continentes ata a súa situación actual.

  • Diversificación das plantas con flores.
  • Diversificación dos mamíferos.
  • Diversificación das aves.
  • Elevación de grandes cordilleiras: Alpes, Andes, Himalaia, etc.
  • Aparecen os homínidos e comeza o proceso de hominización.

Descarregar

PDF Word HTML