A ética formal de Kant: O deber e a razón práctica

Castellà6,12 KB

1. O formalismo moral

Tras estudar o problema do coñecemento, Kant analiza, na Crítica da razón práctica, o uso práctico da razón. Pretende dar resposta á pregunta: Que debemos facer? Recordamos que a razón ten un «uso teórico» cando se ocupa de como é o coñecemento, e un «uso práctico» cando se ocupa de como debe ser a conduta humana (tal é a distinción entre «razón pura», que formula xuízos, e «razón práctica», que formula imperativos).

Kant observa as teorías éticas do pasado e conclúe que teñen un denominador común: son éticas materiais. Consideran que a acción, a conduta humana, debe someterse a un determinado obxecto para ser considerada boa. Nuns casos ese obxecto é o ben, a felicidade ou o pracer, etc. Así, a vontade depende de algo que é exterior a ela mesma. É dicir, a bondade ou maldade da conduta depende de algo que se considera ben supremo para o ser humano (pracer, felicidade...). E os actos serán bos cando se acheguen a ese ben e malos se se alonxan do mesmo. Polo tanto, as éticas materiais son éticas empíricas, baseadas na experiencia, nin universais nin necesarias. Son éticas hipotéticas, pois a validez das súas normas está condicionada á consecución do fin proposto. E son éticas heterónomas, pois a vontade debe someterse a unhas normas exteriores a ela mesma.

Fronte a estas éticas, Kant elabora unha ética de carácter formal: o que importa é a forma do comportamento e non o seu contido concreto. A ética formal de Kant pretende ser unha ética a priori, independente de calquera experiencia e, polo tanto, universal e necesaria; unha ética categórica, pois os seus preceptos deben valer de modo absoluto e incondicionado, e unha ética autónoma, pois debe ser a vontade a que se poña a si mesma as súas propias leis.

Unha ética formal non establece, pois, normas determinadas de conduta, non di que facer, senón que pretende tan só establecer a forma xeral que debe ter a conduta para que poida ser considerada unha conduta moral, independentemente do fin concreto perseguido. É unha ética baleira de contidos, é dicir, non establece ningún fin nin tampouco medios.

A ética de Kant é unha ética que se basea no deber. A norma moral é o deber por puro respecto ao deber, sen nada a cambio. Soamente as accións que se fan por respecto ao deber teñen valor moral.

A continuación, Kant leva a cabo unha análise da vontade e observa que esta se rexe por máximas (principios subxectivos que dirixen a acción) e por leis (principios ou normas obxectivas, válidas para a vontade de todos os seres racionais). As leis que dirixen o comportamento son imperativos que ordenan á vontade. Son de dous tipos:

  • Imperativos hipotéticos: ordenan unha acción como boa para acadar algo («Se queres alcanzar a felicidade debes...»). O seu valor radica no fin que pretenden alcanzar. Non teñen valor universal. Son aqueles que utilizan as éticas materiais e que están formulados de maneira condicional («se estás calado, regáloche un libro de filosofía»).
  • Imperativos categóricos: aquel mandamento que ordena unha acción como boa en si mesma, sen referencia a ningún fin. Son ordes absolutas, sen condicións. Teñen a forma: «Debes facer». Son leis universais e necesarias. O imperativo categórico é o imperativo da moralidade e manda incondicionalmente («estuda porque ese é o teu deber»).

Kant rexeita os imperativos hipotéticos, propios das éticas materiais. El afirma que o imperativo propio da moral é o imperativo categórico, porque ten carácter formal e nos indica como debemos actuar. Propón varias formulacións do imperativo categórico:

  1. «Obra de modo que queiras que a norma da túa conduta se convirta en lei universal». Esta é unha formulación de carácter formal e universal, e supón que non debemos facer a outros o que non queramos que fagan connosco. Recoñecemos aquí un vello precepto cristián.
  2. «Trata sempre ao outro non coma un medio senón coma un fin en si mesmo». Esta formulación recoñece que as persoas teñen un valor incondicionado.

Ambas as dúas formulacións ordenan por si mesmas, sen poñer condición ningunha. Se a vontade as segue, será unha vontade autónoma, que se regula a si mesma. Unha vontade boa, é dicir, que actúa por deber, que fai o que debe facerse, independentemente dos resultados da acción. Unha vontade que actúa por respecto á lei moral, por reverencia a ela, non por utilidade nin por satisfacción. A ética kantiana será, polo tanto, unha ética do deber.

Por último, Kant puxo de manifesto na Crítica da razón pura a imposibilidade dun coñecemento acerca da alma, do mundo e de Deus. Pero non nega nin a inmortalidade da alma, nin a existencia de Deus. Só afirma que non son obxecto de coñecemento científico. Deus, alma e liberdade (as ideas da razón pura) son os postulados da razón práctica. Funcionan como suposicións necesarias para que poida darse unha conduta moral no ser humano.

  • 1) A existencia da liberdade é unha condición da moral autónoma. Sen liberdade non hai moral, e o mundo é o lugar no que se exerce a liberdade.
  • 2) A inmortalidade da alma é unha esixencia da realización do ben supremo, xa que a tarefa de cumprir plenamente co deber non pode lograrse nunha existencia finita e limitada; por iso é preciso a inmortalidade.
  • 3) A existencia de Deus presupónse como garantía do enlace entre virtude e felicidade. O ser humano só pode alcanzar a felicidade e o supremo ben se Deus existe. En Deus identifícanse o ben e o deber, e é a referencia da virtude e da felicidade.

Descarregar

PDF Word HTML