Poesía galega de finais do XX e comezos do XXI: temas, autores e tendencias dos anos 80 e 90
Poesía galega de finais do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos anos 80 e 90. Poetas e tendencias actuais máis relevantes
Con pólvora e magnolias, de Méndez Ferrín (xunto con Mesteres, de Arcadio López Casanova), marcou un novo rumbo. O libro rompe co socialrealismo e abre temas novos e variados: intimismo existencial, metafísica, mitoloxía cultural, político-social, redescobre a linguaxe e aparece un novo estilo máis culturalista.
Entre os moitos autores podemos destacar nestes anos:
O social-realismo e as novas tendencias
Darío Xohán Cabana: moitas das súas poesías serán cantadas por grupos como Fuxan os Ventos; gran dominador do verso e da linguaxe.
Os primeiros tanteos renovadores (1976-1978)
Virán da man de varios colectivos poéticos de curta duración: Rompente (poesía rompedora de Antón Reixa e Manuel Romón), Alén e Cravo Fondo (Rodríguez Barrio e Ramiro Fonte).
A renovación a partir de 1980
A partir de 1980 consolídase a renovación coas características antes citadas, pero non compartidas por todos. Non hai unha escola, senón diferentes escolas estéticas e voces singulares. Destacamos:
- Manuel Vilanova: mítico e simbolista. E direivos eu do mester de cobras.
- Xosé María Álvarez Cáccamo: aberto á realidade a través de vivencias familiares. Praia das furnas.
- Miguel Anxo Fernán-Vello: o amor, o corpo, o desexo... e tamén a sombra e a ausencia son os seus temas poéticos.
- Lois Pereiro (1958), Poesía última de amor e enfermidade. Desde que foi o autor do Día das Letras Galegas (2011) converteuse nun dos poetas de culto para as novas xeracións (igual que Manuel Antonio para as anteriores) pola orixinalidade, modernidade e autenticidade da súa poesía.
A poesía dos anos noventa
A partir dos anos noventa é aínda máis difícil falar de tendencias comúns, dado o carácter individualista de cada poeta. Non obstante, destacan estas características:
- Linguaxe máis directa e coloquial, que resulta máis próxima ao lector.
- Predominio dos recitais, para producir un contacto entre o poeta e o público, máis que entre o poeta e o lector, nun intento de democratizar a poesía.
- Tratamento de temas sociais con novas sensibilidades: insubmisión, ecoloxismo, feminismo...
A incorporación da muller á poesía
Prodúcese tamén unha importante incorporación da muller á poesía, xa iniciada na década precedente, que proporciona unha nova vertente feminina e feminista (desconstrución do universo masculino-machista, erotismo e sexualidade femininos...): Luísa Villalta, Yolanda Castaño, Lupe Gómez, Pilar Pallarés, Marta Dacosta, Lucía Aldao, María Lado... e Chus Pato (ingresou na RAG en 2017) con A ponte nas poldras, poeta traducida a varios idiomas.
Novas voces e poesía para nenos
Evidentemente, seguen publicando a maioría dos autores anteriores e xorden multitude de novos poetas: Claudio Rodríguez Fer, Xosé Carlos Caneiro, Anxo Quintela, Millán Otero, Miro Villar, etc. Tamén a poesía para nenos, de A. García Teijeiro, premio nacional 2017 con Poemar o mar.
A poesía galega na actualidade
A poesía galega goza nos últimos anos dun dos mellores momentos da súa historia en calidade e cantidade. A chegada de Internet supuxo unha grande axuda, xa que facilita novas canles de publicación: blogs, redes sociais e portais específicos de poesía. Ademais, permite a difusión de recitais e videopoemas. Hoxe é moi difícil publicar un libro en papel con poemas, pero é moi doado compartir na rede (seguramente con máis lectores) as creacións poéticas.